A vila de Vimianzo volveu reunirse ao redor do vello Muíño da Agra para pór en marcha as súas moas. Trátase da segunda edición dunha “antropofesta” como é chamada pola organización, na que non faltan as actividades culturais, lúdicas, gastronómicas e por suposto, musicais. O principal obxectivo da festa é recuperar toda a sabedoría que existe ao redor do traballo do millo e que este ano, coa colaboración do SEMESCOM, nomeadamente Chus Barbeira, leváronse á contorna do Muíño imaxes que había ben tempo non se repetían.
A realización dun documentario polo colectivo Catro Ghatos e a escenificación de varias pezas teatrais ambientadas na época fixo comprender mellor o mundo labrego de metade do século XX para quen non o viviu. Nestas últimas pezas entre outras historias puidemos oír o conto inspirado en feitos reais que lle aconteceu a Manuel Suárez cando era novo. El foi o neno do lobo.