• info@semescom.gal

II Simposio de Megalitismo da Costa da Morte no seu contexto atlántico

simposio_megalitismo_vimianzo_6

II Simposio de Megalitismo da Costa da Morte no seu contexto atlántico

Os monumentos megalíticos son ben aproveitados noutros lugares para promover o turismo cultural, coma na Bretaña francesa (a principal fonte de ingresos), pero en Galicia seguimos deixando pasar o sol pola porta e o noso goberno segue incumprindo as súas propias promesas (a promoción do Megalitismo da Costa da Morte, anunciado no 2001). Non esquezamos que o famoso dolmen de Dombate, a chamada catedral das antas galegas, estivo, tras as escavacións de 1989, invisible e ó ventimperio uns 16 anos cuberto por unha burda lona de plástico (a chamada “burka de Dombate”). Felizmente agora hai un centro de interpretación presentable, á altura de calquera europeo, pero tiveron que pasar eses longos tres quinquenios (os do goberno de Fraga, casualmente) para que Xunta e Deputación da Coruña se puxesen de acordo, e iso que eran do mesmo signo político.

simposio_megalitismo_vimianzo_1 simposio_megalitismo_vimianzo_2

Hai un ano escribín en diversos medios sobre o abandono por parte da Secretaría de Patrimonio da Xunta de Galicia das 14 antas da Costa da Morte que ela mesma declarada BIC, con moita pompa, cubertas por toxos e silvas, e, polo tanto, invisitables. Desde este organismo non moveron un dedo para mellorar a situación. Tiveron que ser os concellos os que se puxesen man á obra ante tanta desidia: Malpica acondicionou a Pedra da Arca de Cerqueda, Cabana seguiu mantendo as visitas guiadas e organizando actos diversos en Dombate, Zas mandou limpar a Arca da Piosa (a grandiosa “tumba do valente Brandomil” da épica pondaliana) e Vimianzo, que sinalizou a longa ruta do seu territorio, colocou carteis informativos en galego, castelán e inglés en todas as antas, limpounas de maleza e acondicionou os accesos. ¡Todo un exemplo para a Xunta de Galicia!

simposio_megalitismo_vimianzo_3 simposio_megalitismo_vimianzo_4 simposio_megalitismo_vimianzo_5

O domingo día 4 de setembro puxémoslle o ramo ó II Simposio de Megalitismo de Costa da Morte no seu contexto atlántico cunha visita guiada de dous autobuses por catro das principais antas ou dólmens (nós preferimos as denominacións populares galegas de antas, arcas, arquiñas…; ‘mámoa’ xa a demos introducido internacionalmente): Pedra da Arca de Baíñas/Regoelle, Arca da Piosa, Pedra Cuberta e Dombate (popularmente A Fornella de Vilaseco). Asistiron preto de 90 persoas.

simposio_megalitismo_vimianzo_6

O día 2 (re)inauguramos unha Exposición Itinerante que o Seminario de Estudos da Costa da Morte preparada a finais de 2011 e que percorreu moitos centro de ensino (1ª foto). É de loar o labor do Concello de Vimianzo, que acometeu funcións que serían máis ben propias da Secretaría Xeral do Patrimonio, se existise (pero, como comentou algún asistente, “non está nin se lle espera”), coma tal acondicionar os 2 km que separan a estrada asfaltada dos 500 m do tramo final da “tumba do guerreiro Brandomil” (Pondal dixit: a Arca da Piosa) (unha heroicidade a dos dous autobuses que sen medo se aventuraron por esta pista de monte que con urxencia acondicionou minimamente o Concello vimiancés. 

simposio_megalitismo_vimianzo_7

 

O poeta Miro Villar, socio do Semescom, puxo poesía á ruta recitando poemas de autores coma Pondal e Antón Zapata na Pedra da Arca, na “Arca antiga da Piosa” (en honra do valente Brandomil, naturalmente), en Pedra Cuberta e en Dombate. Rodeando as dúas ciclópeas tampas (6 t cada unha) da Arca da Piosa fotografouse o grupo.

simposio_megalitismo_vimianzo_8

Foi o guía (titulado, por certo) o mozo vimiancés Manuel Rial (en Dombate, Ángel Eiroa), pero houbo atinadas colaboracións espontáneas doutros asistentes, coma Evaristo Rial, Pablo Sanmartín, Estevo Lema, Xan Fernández ou Moncho Gándara, que achegaron datos e anécdotas pouco coñecidas.

simposio_megalitismo_vimianzo_9

“Os de abaixo”, o pobo, xa falou: coñece e valora esas “grandes pedras” de 5.000 anos atrás. Malia faceren oídos xordos, cómpre seguir petando nas aínda máis ciclópeas pedras das herméticas murallas de Patrimonio da Xunta de Galicia, que só debe entender por cultura o comecartos da Cidade da Cultura ou as catedrais galegas; o resto non existe: no máis completo abandono (sobre todo o da zona rural). Parafraseando o Cantar do Mío Cid: “Dios, que buen(os) vasallo(s) si hobiese buen(os) señor(es)!”

 
Texto de Xosé María Lema Suárez

Admin

Leave a Comment


*