Xa van 19 anos, certo: o 20 de febreiro de 1997 deuse a noticia de que o Gabinete de Planificación da Xunta de Galicia dera por bo o longo informe de 15 folios que Evaristo Domínguez, Roberto Mouzo, A.Pose e Xosé María Lema elaboraran e que os Concellos de Camariñas, Vimianzo e Zas refrendaran por unanimidade nos seus plenos. A unanimidade na reclamación valeu moito. Foi un triunfo (colectivo) inesperado. No libro colectivo A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte (Xerais, 2010) explicamos o proceso e os motivos polos que unha comarca milenaria como a Terra de Soneira non podía quedar no esquecemento. En contra do que moitos pensan, a Costa da Morte non é unha comarca, senón unha rexión xeográfica como as Rías Baixas ou Altas; esta rexión co cabo de Fisterra como mascarón de proa estaría integrada polas comarcas históricas de Bergantiños, Terra de Soneira, comarca de Fisterra (ou Terra de Nemancos) e mesmo Xallas (a vella Trastámara). En fin, que o “Mapa Comarcal de Galicia” definitivo sairía publicado no DOG o 3-4-1997 e a festa popular sería o 14 de marzo en Vimianzo, organizada polo “argalleiro” maior da comarca, Moncho Gándara (que tamén recibiría o seu diploma, ben merecido). Reconforta rememorar pequenos triunfos.
Mapa da Terra de Soneira (autor: Roberto Mouzo, en: A Terra de Soneira, no corazón da Costa da Morte, Eds. Xerais, 2010)
Estes días podemos ler artigos sobre o asunto en www.quepasanacosta.gal e www.lavozdegalicia.es