• info@semescom.gal

"De ruta literaria pola Costa da Morte" (Por Xan Fernández)

COSTA DA MORTE XAN FERNANDEZ CARRERA

"De ruta literaria pola Costa da Morte" (Por Xan Fernández)

Estamos vivindo un momento de auxe das rutas literarias, sobre todo as que se desenvolven en territorio urbano, pois tanto na Coruña como en Vigo estanse a organizar con éxito itinerarios deste tipo guiados por escritores locais.

Hai uns días, o Seminario de Estudos da Costa da Morte, en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega, organizou unha ruta baseada na novela Costa do Solpor, do escritor soneirán Xosé María Lema, para visitar aqueles espazos xeográficos que tiveron un maior protagonismo no libro. A convocatoria foi todo un éxito xa que se inscribiron 54 participantes dispostos a emprender esta viaxe baixo a guía do propio autor.

A primeira parada foi en Boallo (Berdoias), para ver os restos da casa na que habitaron o fidalgo Rodrigo Sánchez de Leis e a súa dona Josefa de Santiyán. O fillo maior deste matrimonio, Xosé de Leis, era o que quería de pretendente para a súa filla, Mariña, o fidalgo Cristovo de Lobeira. Estes personaxes reais aparecen no libro xunto con outros ficticios.

Antes de entrar en Fisterra tomamos o desvío cara a praia da Langosteira, o primeiro escenario, xa que é aquí onde atracou a Hispaniola despois da longa e accidentada travesía. Neste areal, o guía indícanos que ollemos cara ao monte Facho para localizar os dous outeiros cónicos que hai nos extremos, e que semellan os seos dunha muller deitada, que serían os «espidos peitos de muller enfesta». Ollando cara a esquerda vemos a impoñente mole granítica de cor rosada que forma o monte Pindo, a Montaña Vermella da novela.

No porto fisterrán agardábanos o poeta Alexandre Nerium, pseudónimo de Manuel López, o guía do Museo da Pesca situado no Castelo de San Carlos. Neste escenario é onde se dá o encontro entre Antón do Campón, sarxento que estaba a cargo da fortaleza, e o señor Trelawney, armador do barco, que viña solicitar operarios para arranxar os estragos que unha tormenta fixera no navío. Nerium recitounos varios dos seus poemas nos que o novelista se inspirou.

Rumbo ás terras de Muxía

Desde Fisterra partimos con rumbo ás terras de Muxía. Ao chegar a Vilarmide viramos á esquerda cara a Santa Mariña para pasar por diante da casa na que nacera o verdadeiro Crego Sabio, no que se inspirou o narrador para crear un dos personaxes do seu libro. Despois fomos a pé pola pista que conduce á punta da Buítra para ver desde alí destacados escenarios da novela: os cabos Touriñán e Vilán e, sobre todo, a praia da Arnela e a furna da Buserana. Desta praia partirá a Hispaniola para o seu país. Dentro da furna gardaban os piratas da Confraría da Man Morta os botíns das súas abordaxes.

Pola tarde emprendemos unha camiñada de máis de 2 quilómetros desde o Alto das Campeleiras (Santa Mariña de Xaviña) pola pista de terra ata o monte Branco. Neste lugar ollamos a Area Escorredía, unha rampla areenta que baixa pola ladeira do monte desde unha altura de máis de cen metros, e o Penal do Veo, un bloque granítico de forma cónica, pertencente á serra de Pedras Rubias, nome ficticio da serra de Pena Forcada. Xa de volta vimos, desde a parte alta do lugar de Santa Mariña, outro dos escenarios destacados da novela: os Coídos Xemelgos (enseadas do Colludo e de Cabanas, na realidade); no primeiro deles situaríase o Porto Valente, onde estivera atracada a Hispaniola vixiada polo bergantín An Ankou.

Finalmente paramos en Camelle para ver os valados das pequenas hortas da beiramar, que inspiraron o Valado do Vento da novela. Demos por rematada a ruta diante do Museo da Fundación Man, satisfeitos de visitar os escenarios máis representativos nos que se desenvolve a narración e tamén de gozar dos magníficos escenarios reais que nos brindou a natureza.
En la Voz de Galicia http://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/fisterra/2015/10/23/ruta-literaria-pola-costa-da-morte/0003_201510C23C11992.htm

Admin