• info@semescom.gal

Viaxe ó sur de Alemaña 3

Viaxe ó sur de Alemaña 3

3º día (Samstag / Sábado 22 August)
Matrícula dun coche de Baviera, co escudo do land (Estado). Na centralista Francia permítise nas matrículas a bandeira das regións (Bretaña, Normandía...). En España, o centralismo chegou ó extremo de eliminar ata as iniciais das provincias (pulsar para ampliar as fotos)

Matrícula dun coche de Baviera, co escudo do land (Estado). Na centralista Francia permítise nas matrículas a bandeira das regións (Bretaña, Normandía…). En España, o centralismo chegou ó extremo de eliminar ata as iniciais das provincias (pulsar para ampliar as fotos)

 

MÚNIC (MÜNCHEN)**

-1.248.000 hab., capital da Baviera. É a terceira cidade de Alemaña en número de habitantes, tras Berlín e Hamburgo. Atópase sobre o río Isar, ó norte dos Alpes Bávaros. É a cidade máis latina de Alemaña, e tamén a máis católica (coma case toda a Baviera, defensora do catolicismo nas guerras de relixión dos séculos XVI e XVII). O papa anterior, Bieito XVI (o cardeal Ratzinger), é natural de Marrktl, preto de Altötting, a uns 100 km ó leste de Múnic.

Os bávaros son considerados moi conservadores, sobre todo polas cidades de Berlín ou Hamburgo, máis progresistas. Con todo e iso, a capital, Múnic, vota habitualmente ó Partido Social Demócrata (SPD), pero non así o conxunto da Baviera, onde o triunfo da Unión Social Cristiá de Baviera (CSD) –permanentemente coaligada coa Unión Demócrata Cristiá alemá (CDU)- dáse por descontado en cada elección; durante anos Baviera estivo gobernada por Franz Joseph Strauss (Múnic 1915-Ratisbona 1988), que tamén foi ministro no Estado federal. A súa tendencia moi conservadora levouno incluso a enfrontarse con Helmut Kolh, presidente da CDU e socio seu no goberno. Ó longo da súa carreira política viuse implicado en varios escándalos, coma o Spiegel, que rematou coa súa saída do goberno federal como ministro de Defensa. Nas eleccións de 1980 presentouse a chanceler federal pero sufriu un estrepitoso fracaso. Faleceu en Ratisbona o 3-10-88, dous días despois de sufrir un colapso no sistema circulario durante unha cacería.

Nesta cidade teñen as súas sedes principais importantes empresas como a BMW (Bayerische Motoren Werke) e a Siemens.

DSC07756

Vista da cidade desde a torre da Neus Rathaus

 

Historia

A cidade de Múnic (München en alemán < do antigo alemán *munichen ‘lugar de monxes’) fora medrando arredor de monxes bieitos no séc. IX, de aí o seu nome. Non obstante, ten a súa fundación oficial en 1158, outorgada nun diploma do emperador Frederico Barbarroxa.

En 1180 recibiu en feudo o ducado de Baviera o duque Otto von Wittelsbach, dinastía que reinaría no ducado (despois reino) sen interrupción ata 1918.

En 1503 o ducado de Baviera pasou a Alberte IV o Sabio, que fixou a capital en Múnic; a partir deste momento a cidade empeza a desenvolverse. Guillerme IV promoveu o humanismo italiano e foi mecenas de artistas (os Altdorfer, p.ex.). Tamén foi esplendoroso o reinado de Maximiliano I (1598-1651), gran construtor. Durante a Guerra dos Trinta Anos e na da sucesión austríaca sufriu violentas ocupacións.

Con Maximiliano I (IV como príncipe elector) Baviera converteuse en reino en 1806. Nestes primeiros anos do séc. XIX Baviera pasa a formar parte da Confederación do Rin, baixo o dominio francés (Napoleón I). Tras o derrubamento do Imperio napoleónico, no Congreso de Viena (1815), o reino uniuse á Confederación Xermánica, formada por 39 estados, cada un deles con leis e sistema de goberno propios, pero cunha forte conciencia -fomentada por intelectuais coma Fichte, Hegel ou Ranke- de formar parte dunha nación alemá común (a idea alemá de “nación”: unha mesma historia, unha mesma lingua, unha mesma cultura, con independencia de que o pobo teña conciencia de pertencer a esa nación  ou non).

A Frauenkirche (catedral de Munic), desde a torre da Nova Casa do Concello

A Frauenkirche (catedral de Munic), desde a torre da Nova Casa do Concello

Con Luís I (1825-1848) Múnic viviu a súa última etapa de esplendor (construíronse a maior parte dos museos e palacios); o amor deste rei pola española Lola Montez provocaría a súa abdicación. Sucedeuno o seu filloMaximiliano II (1848-1864), e a este Luís II (1864-1886), que subiu ó trono con 18 anos e con soños de grandeza; a causa dos gastos ocasionados pola construción de castelos irreais foi declarado tolo e forzado a abdicar.

A partir de 1860, Prusia, o reino setentrional, toma protagonismo de cara a lograr a unificación alemá. O chanceler Otto von Bismarck foi o artífice desta unificación, valéndose da guerra e da diplomacia. A terceira guerra foi contra Francia, a quen se lle reclamaba as rexións de Alsacia e Lorena, que quedarían anexionadas ó Imperio alemán tras a vitoria de Sedán (1870). En 1871 constituíuse o Segundo Imperio alemán (II Reich) ó que se uniron tamén os estados do Palatinado, Baden, Württemberg e o reino de Baviera (o rei Luís II recibiu, a cambio de recoñecer a autoridade do emperador Guillerme II, unha boa asignación anual que lle veu moi ben para as obras dos seus palacios).

Äs figuras (mangadas) do frontón do templo de Exina (Grecia), na Gliptoteca de Múnic

Äs figuras (mangadas) do frontón do templo de Exina (Grecia),
na Gliptoteca de Múnic

A partir deste momento Baviera segue a sorte de todo o Imperio alemán. Deste xeito, ó rematar a I Guerra mundial coa derrota xermana, como acontecera co emperador Guillerme, o rei bávaro Luís III tivo que abdicar, forzado por unha revolución.

No período de entreguerras (1919-1939), Múnic foi un dos focos principais dos movementos que rexeitaban as condicións impostas a Alemaña polo Tratado de Versalles (1919). Nunha cervexería muniquesa (a Sterneckerbräu), Adolf Hitler fundou en xaneiro de 1920 o partido Nazionalsocialista[1], e en 1923 tivo lugar o seu levantamento, denominado o ‘Putsch de Múnic’. En 1938 os representantes de Francia, Reino Unido e Alemaña asinaron os Acordos de Múnic, polos que se cedían os Sudetes a Alemaña. Durante a IIGM Múnic sufriu 66 bombardeos que deixaron a cidade en ruínas. Finalizada a guerra, o Estado libre de Baviera integrouse na República Federal Alemá.

 

En Grecia deixaron "o molde" sen as figuras: maqueta do templo de Exina na Gliptoteca

En Grecia deixaron “o molde” sen as figuras: maqueta do templo de Exina na Gliptoteca

En 1962 tivo lugar o ‘Contubernio de Múnic’, denominación despectiva do goberno de Franco a unha reunión de políticos moderados españois críticos coa ditadura franquista (J. Satrústegui, Tierno Galván, Gil-Robles…).

En 1972 celebráronse nesta cidade os XX Xogos Olímpicos, que pasou á historia pola acción do comando terrorista palestino (Setembro Negro) que secuestrou e matou varios deportistas israelís. Nestas olimpiadas varios atletas estadounidenses de color negra erguían o puño como signo doblack power (‘poder negro’) no podio ó tempo que recibían as súas medallas. Era unha protesta a favor dos dereitos civís dos afroamericanos dos EE.UU. Moitos deles quedaron desposuídos da medalla.

Lugares de interese

Dispuxemos dun día enteiro para esta gran cidade. Os nosos viaxeiros tiveron liberdade para moverse ó seu gusto polos lugares do seu maior interese. O grupo que logo denominariamos (cariñosamente) “Os correcamiños”, seguindo o seu costume, dirixíronse de primeiras ó sitio máis arredado, neste caso Dachau, un dos primeiros campos de concentración dos nazis. A nosa viaxe conta cun forte contido histórico, e o coñecemento dun dos campos de sufrimento e exterminio coma este tamén debe ser coñecido, como no ano pasado tamén visitamos en Verdun (norte de Francia) un dos principais escenarios da I Guerra mundial. Outros viaxeiros dedicáronse ós museos (Residenz, Gliptoteca, Museo da Ciencia e da Técnica –que estaba de 70 aniversario-, as Pinacotecas Antiga e Nova…) ou mesmo houbo quen se desprazou en metro ó afastado barrio de Fröttmaning para visitar o Allianz-Arena, o famoso estadio de fútbol.

 

As figuras do carillón da nova Casa do Concello, saíndo a bailar ás 5 da tarde

As figuras do carillón da nova Casa do Concello,saíndo a bailar ás 5 da tarde

Marienplatz* ‘Praza de María’, centro e corazón da cidade, coa columna chamada Mariensäule (1638), de 11,60 m de altura, a fonte Fischbrunnen (‘Fonte do Peixe’).

No lado norte, o Neus Rathaus, edificio neogótico (1869-1907), que conta o maior carillón de Alemaña (43 campás e 32 figuras de cobre esmaltado). Hai moi boas vistas desde a torre do reloxo.

-Enfronte está a Peterskirche (‘igrexa vella de San Pedro’), cunha torre de 96 m (reconstruída tras a 2ªGM en estilo gótico do séc. XIV).

Im Tall, rúa que une a Marienplatz á Isartor.

Histórico poste-símbolo do gran mercado da zona da praza de St.Jacobs

Histórico poste-símbolo
do gran mercado da zona
da praza de St.Jacobs

Hofbräuhaus*, ó norte desta rúa (a fábrica de cervexa máis famosa de Múnic, creada en 1589).

-a Frauenkirche* (igrexa de Nosa Señora), que é a catedral de Múnic, de estilo gótico serodio (1488).

Residenz**, castelo e residencia dos duques e reis de Baviera. Ten moitas salas visitables. Nel atópase o Schatzkammer** (o tesouro da Corte).

Haidhausen*, antigo barrio popular muniqués.

Deutsches Museum** (‘Museo Alemán’), dedicado á Ciencia e á Tecnoloxía; é un dos mellores do mundo no seu xénero; está situado á beira do río Isar (afluente do Danubio pola esquerda), que atravesa a cidade. Este ano estaba celebrando o seu 70º aniversario. A súa tenda estaba chea de nenos e neas engaiolados con xogos relacionados coas matemáticas, a física, a química e a tecnoloxía. http://www.deutsches-museum.de/index.php?id=1&L=1

Schwabing, o barrio latino.

-o Complexo do BMW [léase bi-em-bi] (Bayerische Motoren Werke), co seu museo particular.

As cervexerías muniquesas ó aire libre dunha gran feira de produtos bávaros estaban a tope este Samstag (sábado). Os bávaros tamén se divirten, ¡e logo!

As cervexerías muniquesas ó aire libre dunha gran feira de produtos bávaros estaban a tope este Samstag (sábado). Os bávaros tamén se divirten, ¡e logo!

– E, se queda tempo, non sobra achegarse ó Parque Olímpico (construído para as Olimpíadas de 1972).

-Tamén é digno dunha visita o estadio Allianz-Arena, construído no barrio do norte Fröttmaning polos clubs muniqueses F.C. Bayern München e o TSV 1860 München, que antes xogaban no Estadio Olímpico de Múnic. Recibiu o nome de Allianz Arena porque a firma de seguros Allianz pagou parte das obras. Así e todo, para adaptarse á normativa da FIFA, o seu nome oficial é Fussball Arena München; popularmente coñécese co alcume deSchlauchboot ‘o bote/barca inchable’, pola súa forma externa. Durante os partidos ilumínase coas cores dos equipos.  Iniciáronse as obras en 2002 e rematáronse en 2005; os seus arquitectos: Herzog & De Meuron.
Museo Nacional Bávaro (Bayerisches Nationalmuseum), fundado en 1855.

O estadio Allianz-Arena queda nun descampado ó norte da cidade, no barrio de Fröttmaning

O estadio Allianz-Arena queda nun descampado ó norte da cidade, no barrio de Fröttmaning

DSC07745

Interior da tenda do Bayern München

A Gliptoteca (Glyptoteck)**, un dos museos máis antigos de Europa (famosas esculturas gregas, do séc. VI ó IV a.C., esquilmadas por arqueólogos alemáns, que llas quitaron dos frontóns e frisos dos templos clásicos gregos, coma o de Afaia na illa de Exina, que rivalizara co Partenón ateniense.O Barrio dos Museos (case todos na Brienner Strasse):

  1. Staatliche Antikensammlung**, colección de antigüidades clásicas fundada en 1838 (vasillas gregas, arte etrusca…).
  1. Pinacoteca Antiga (Alte Pinakothek)**:importantes pinturas de Rubens (“O rapto das fillas de Leucipo”), primitivos flamengos, de Alberto Durero, pintores alemáns coma Albrecht Altdofer, Holbein o Vello, Lucas Cranach o Vello, Mathias Grünewald; mestres italianos do Renacemento, holandeses e flamengos do XVII…
  1. 4. Pinacoteca Nova (Neue Pinakothek): pintores dos sécs. XIX e XX (Turner, Daumier,  Corot, Feuerbach,  Degas, Monet, Gustav Kilmt, Toulouse-Lautrec…).
  1. Pinakothek der Moderne**: pintores do séc. XX: Emile Nolde, Beckmann,   Kirchner…).
  1. Haus der Kunst (‘Casa da Arte’), na Prinzeregentsstrasse (ó sur do Englischer Garten ‘Xardín Inglés’). Museo construído entre 1934 e 1937 polo arquitecto Paul L. Troost para ‘Casa da Arte Alemá’ (Haus der Deutschen Kunst). Inaugurouse en 1937 cunha magna mostra da arte xermánica, deseñada para contrastala con outra exposición –tamén alí presente- da considerada “Arte Dexenerada” (Entartete Kunst), onde había obras de Picasso e dos cubistas, expresionistas, abstractos, surrealistas etc. Contra o esperado, procuraron non destruír tales obras “dexeneradas”. En outubro de 1939 a mostra foi complementada co Día da Arte Alemá (Tag der Deutschen Kunst), para celebrar 2000 anos de cultura teutona; asistiron á inauguración Hitler, Göering, Goebbels e Himmler, entre outros.

 

Tenda do Museo da Ciencia e da Técnica, con xogos atraentes para os nenos e nenas

Tenda do Museo da Ciencia e da Técnica, con xogos atraentes para os nenos e nenas

-vilas de recreo:

Pazo de Nymphenburg**: grandioso castelo que ata 1918 foi residencia dos reis bávaros. Construído no  séc. XVII polo duque Fernando María para a súa muller Henriqueta de Saboia. Conta cun parque de máis de 200 ha cuns xardíns moi fermosos.

-arredores:

Dachau (a 18 km ó NO da cidade), campo de exterminio nazi –en principio para presos ideolóxicos e políticos- no que foron asasinadas 50.000 persoas. Reconstruíuse un barracón para dar testemuño dos fornos crematorios. Na porta-reixa de ferro da entrada, coma noutros campos de concentración/exterminio, aparece o letreiro coa máxima “Arbeit macht frei” (‘traballar faivos libres’).  Hai tamén un monumento ás vítimas das deportacións, de Fritz Koelle.

Estes lugares de dor e tormento tamén hai que visitalos para que non se esqueza o que aconteceu neles. A memoria histórica en Alemaña é un feito, ço contrario que en España.

Dachau_porta principal (1)_br

Porta de entrada ó campo de concentración e exterminio de Dachau, coa macabra lenda “Arbeit macht frei” (foto Pablo Sanmartín)

Outra vista da porta de entrada a Dachau (foto Pablo Sanmartín)

Outra vista da porta de entrada a Dachau (foto Pablo Sanmartín)

—————————————————————————————————————————————————————-

[1] Aínda que na historia consta que a cervexería onde Hitler fundara o partido nazi fora esta que acabamos de citar, parece que na Hofbräuhaus onde ceamos a noite anterior tamén fora un dos sitios de reunión [http://www.guiadealemania.com/cerveceria-hofbrauhaus/] (agradecemos a información a Antón G. Losada).

Admin