• info@semescom.gal

Balance do I Encontro do Patrimonio Cultural e Acción Social

logo ccg

Balance do I Encontro do Patrimonio Cultural e Acción Social

I ENCONTRO “PATRIMONIO CULTURAL E ACCIÓN SOCIAL” (INFORME)

(Consello da Cultura Galega, Santiago, 25-09-2015)

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte, representado polo seu presidente (Xosé Mª Lema) e polo seu vicepresidente (Manuel Vilar) acudiu o día 25-09-2015 ó I Encontro ‘Patrimonio Cultural e Acción Social’, celebrado na sede do Consello da Cultura Galega (CCG) no Pazo de Raxoi de Santiago. A nosa entidade fora unha das quince asociación galegas invitadas pola Comisión do Patrimonio do CCG que dirixe o arquitecto Iago Seara, e da que forman parte o antropólogo Marcial Gondar Portasany e o arqueólogo Manuel Gago.

Entre estas asociacións estaban: “A luz das mámoas”, do Saviñao (Lugo), “Centro de Estudos Chamoso Lamas”, do Carballiño (Ourense); Costa dos Castros (Comunidade de Montes do Concello de Oia-Pontevedra);  Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial; Instituto de Estudos Miñoranso (Val Miñor-Vigo, Pontevedra); Mariña Patrimonio (Lugo); O Sorriso de Daniel (a representante era da Baña); Patrimoniogalego.net; Plataforma Cidadá en defensa do Castelo de Monterrei (Ourense); Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA); Fundación Xosé Soto de Fión (O Saviñao-Logo).

Tamén estaban na reunión, como observadores, outras persoas relacionadas co Patrimonio.

Os/as representantes de cada unha das entidades dispuxeron de 4 minutos para expoñer, por unha parte, 1) os Obxectivos e traxectoria; 2) os desafíos de cara ó futuro (e como os pode apoiar o CCG).

A intervención dos representantes do SEMESCOM estivo fundamentada nun documento que previamente se enviara á organización, no que se enumeraban case todos os traballos realizados por membros do Seminario desde a súa fundación oficial o 24-09-2004 á actualidade (casualmente acabábanse de cumprir dez anos).

O traballo desta década resúmese nestas publicacións (e non só):

-18 libros

-7 documentais

-5 calendarios

-1 Simposio internacional

-1 cartel-sinalizador dos Penedos

libros muxia semescom

Obviamente, na presentación non se enumerou todo, senón que se fundamentou no texto inicial (p. 1), na metodoloxía para dar a coñecer o noso patrimonio e nas liñas de investigación e divulgación deste patrimonio (a partir da p. 2):

1) Posta en valor do patrimonio megalítico da Costa da Morte;

2) Recuperación en posta en valor do patrimonio etnográfico e antropolóxico (batáns do Mosquetín, hórreos, romarías…);

3) Protección e posta en valor dos elementos da nosa paisaxe natural (os Penedos de Pasarela e Traba).

4) Os faros e as paisaxes mariñas.

5) O patrimonio artístico da CM

6) Divulgación histórica varuada

7) Divulgación literaria

8) Dinamización da vida cultural etc.

Na exposición fixemos fincapé na nosa disposición aberta a colaborar coas concellos da zona e coa Administración provincial (a Deputación, a quen lle debemos as axudas para as nosas publicacións en base ó convenio “Percorrendo Vieiros da Costa de Morte”) e tamén coa autonómica, que sempre tivo para nós o “non” como resposta máis frecuente. Puxemos como exemplo paradigmático a recuperación do conxunto etnográfico do Mosquetín, no que se botou por volta de vinte anos petando nas portas das sucesivas direccións xerais do Patrimonio da Xunta e nunca se nos fixo caso, rexeitando incluso que se declarase Ben de Interese Cultural (BIC) malia o informe positivo das catro entidades consultadas (entre elas o CCG) e que, cando todo parecía perdido, a salvación do conxunto veu grazas a unha persoa, o polígrafo Felipe-Senén López, que desde o seu posto técnico cultural na Deputación da Coruña o solucionou nun pestanexo: foi así como a Deputación adquiriu o que quedaba deste conxunto e posteriormente o restaurou. Non é de recibo que neste país sempre esteamos dependendo de que algunha persoa con decisión se atope no sitio oportuno no momento preciso.

Outro caso que citamos das negativas da Xunta ó patrimonio da Costa da Morte foi o dos Penedos de Pasarela e Traba, declarados Paisaxe Protexida no DOG o 14-01-2009 coa obriga da Xunta de Galicia de poñelo en valor e preparalo para as visitas nun prazo de dous anos (é dicir, en xaneiro de 2011), pero o Goberno de Núñez Feijoo fixo caso omiso desta obriga; para el o publicado no DOG é papel mollado: impera “il dolce far niente”.

penedos-cartel-portada

No diálogo posterior, baseándonos nas nosas abondosas publicacións, e fachendeamos de que na Costa da Morte os membros do Seminario puxemos a disposición das Administracións practicamente todo o que hai que ter para aproveitalo para a creación de rutas ou do que sexa; dámoslle o traballo feito, case todo, sen nos importar a cor política sempre e cando manifesten interese. Poderiamos resumir a nosa disposición parafraseando aquela tan repetida frase do Cantar do Mio Cid: “Que bos vasalos se houbese bos señores”.

A inmensa maior parte das asociacións aproveitaron o Encontro para denunciar a inoperancia e desidia da Dirección Xeral do Patrimonio e doutros organismos da Xunta de Galicia. Citáronse polo miúdo moitos casos semellantes de desidia deste organismo, ó que chegamos a considerar “o maior inimigo do noso Patrimonio”.

Falouse da necesidade de dar a coñecer o noso patrimonio á xente común –centrouse moito o tema na zona rural (case todas as asociacións eramos de áreas non urbanas)-, para, por exemplo, que non se destrúan mámoas ou castros pola ignorancia da xente.

Dalgún xeito, a pretensión da Comisión de Patrimonio do CCG, representada por persoas probadamente defensoras do patrimonio, ademais de coordinarnos e de preparar un encontro xeral de asociacións máis amplo, é ser dalgún xeito intermediaria entre as asociacións e a Administración (Xunta de Galicia), e tamén como medio para facer chegar á sociedade galega en xeral unha maior sensibilización cara ó patrimonio galego mediante a publicación na prensa das posibles infraccións. Tamén se falou de apoios puntuais ante a Administración, como recentemente aconteceu coa Plataforma en Defensa do Castelo de Monterrei, aínda que de pouco serviu, polo visto, pois a conversión do castelo en parador seguíu adiante.

Quedou, polo tanto, o encontro aberto a próximas convocatorias.

Ó final fixemos entrega para a Biblioteca do CCG dun exemplar de cada unha das nosas publicacións e documentais ó longo destes dez anos de existencia, cousa que agradeceron de palabra.

Varios integrantes das outras asociacións manifestaron grande interese polo noso traballo, que en boa parte lles era coñecido.

logo ccg

Admin