• info@semescom.gal

Viaxe ó sur de Alemaña 2

Viaxe ó sur de Alemaña 2

2º día (Freitag/ Venres 21 August)

Friedrichshafen – Neuschwanstein (Füssen) – Múnic  (300 km)

Friedrichshafen-Füssen

165 km
Füssen-Múnic

131 km

TOTAL

296 km

Land de BAVIERA (BAYERN)

CASTELO DE NEUSCHWANSTEIN*

A chegada.- Tiñamos reservados os billetes de entrada pola Rede desde o 19-04-15. Con esta data avisáronnos desde a Oficina de Reservas (Ticket-Service Hohenschwangau) que nos reservaban a visita para as 12,50 h, pero que deberiamos presentarnos para recoller as entradas cunha hora de antelación (11,50 h), senón perdiamos a vez e teriamos que esperar a que houbese un oco.

Chegamos con tempo abondo, pero quizais nos detivemos de máis na vila de Füssen para mercar bocatas e bebidas e non contabamos cos embotellamentos de tráfico que nos fixeron chegar en punto para recoller as entradas. Afortunadamente para as reservas había unha xanela especial, pois as colas eran interminables. A empregada malamente nos informou –a toda présa e atendendo varias cousas á vez- que nos tiñamos que presentar a todo correr na parada do bus-lanzadeira que nos trasladase ó castelo. De chegarmos tarde perderiamos a quenda. Cousa de tolos (nin que se lles pegara o mal do rei que construíra o fabuloso Schloss).

Afortunadamente demos chegado a tempo e o bus-lanzadeira subiunos a todos deica as portas do castelo. Entramos a un tempo nel e, servíndonos das audioguías, fomos percorrendo as salas unha a unha. Non se permitían as fotografías do interior das salas, e si as exteriores desde as ventás e balcóns, con excelentes paisaxes de fondo, en especial as dos Alpes bávaros e as dos lagos Alpsee e Schwan. O interior do castelo ten varios pisos e, polo tanto, moitas escaleiras. Dáse a circunstancia de que o noso compañeiro Xoán Xosé Lorenzo, de mobilidade limitada (aínda que el sempre se arranxa pola súa conta), logrou que lle deixasen utilizar o ascensor para subir, pero xa non fixeron o mesmo na baixada, pois estaban “moi apurados” coas mareas de visitantes que tiñan.

O castelo de Hohenschwangau (reconstruído entre 1832 e 1838), desde o punto de partida do bus-lanzadeira para subir ó castelo de Neuschswanstein (XMLS)

O castelo de Hohenschwangau (reconstruído entre 1832 e 1838), desde o punto de partida do bus-lanzadeira para subir ó castelo de Neuschswanstein (XMLS)

Este día Xosé M. Penas Patiño daríanos a primeira das súas “conferencias rodantes”, ilustrándonos sobre as aves de rapina diúrnas na campiña alemá e a súa situación en Galicia; particularmente interesante resultou a información que nos deu sobre a cetrería na Idade Media.

Situación

O castelo de Neuschwanstein está situado preto de Füssen (14.000 hab.). O seu nome significa ‘Cisne Novo de Pedra’ e mandouno construír o rei Luís II de Baviera (Ludwig II), ‘o rei tolo’, en 1866. O seu nome primitivo era ‘Castelo Novo de Hohenschwangau’, en honor ó castelo onde o rei pasou boa parte da súa infancia. Despois da morte do rei cambiáronlle o nome polo actual. É o edificio máis fotografado de Alemaña e un dos destinos máis populares (1,4 millóns de visitantes ó ano).

O castelo naceu da imaxinación do rei Luís II nunha época na que as fortalezas xa non eran necesarias para a guerra: unha fantasía romántica dun castelo medieval idealizado que, situado no desfiladeiro de Pöllat nos Alpes bávaros, pretendía harmonizarse coas montañas e cos lagos. Álzase sobre o castelo de  Hohenschwangau e os lagos Alpsee e Schwan.

Trátase dunha obra ecléctica que combina (ou mestura) varios estilos arquitectónicos, sobre todo o románico e o gótico.

Contén tamén unha rede completa de luz eléctrica e o primeiro teléfono móbil da historia (cunha cobertura de 6 metros).

O castelo de Neuschwanstein

O castelo de Neuschwanstein

Historia

Coa morte do seu avó, Luís I de Baviera, o mozo Luís II obtivo o control dos bens do seu infantado, polo que posuía grandes recursos financeiros. Desexaba un refuxio fóra de Múnic onde puidese vivir as súas fantasías románticas medievais. O 1º borrador foi do escenógrafo muniqués Christian Jank, e os planos do arquitecto Eduard Riedel. As inspiracións primeiras foron o castelo de Núrenberg e o de Wartburg. O rei seguía de preto os planos e pódese dicir que o castelo foi máis creación de seu que dos arquitectos.

A construción empezou en 1869. Estaba previsto rematala en 1872, pero houbo que ila postergando.  En 1884, co castelo aínda en construción, o rei viaxou desde Múnic para residir nel por vez primeira. En 1886 a barbacá estaba case completa. Ese mesmo ano morreu o rei (en estrañas circunstancias) e, polo tanto, só puido residir no castelo 172 días.

Neuschwanstein estaba preparado para servirlle ó rei de “escenario teatral habitable”. Era o “templo da amizade” dedicado á vida e obra de Richard Wagner –o seu grande ídolo, que, non obstante, nunca o visitou-; non estaba pensado para recibir e albergar a corte nobre, xa que só tiña cámaras para o rei e os serventes.

Vista dos Alpes bávaro-tiroleses, do lago Apsee e do castelo de Hohenschwangau desde unha ventá do castelo de Neuschwanstein

Vista dos Alpes bávaro-tiroleses, do lago Apsee e do castelo de Hohenschwangau desde unha ventá do castelo de Neuschwanstein

En contra do que se pensa, Luis II pagou o edificio dos seus propios recursos e o diñeiro asignado ós nobres polo Estado por gastos de representación. Os custes ascenderon ata a morte do rei a un total de 6 millóns de marcos (empezárase cun orzamento de 3,2 millóns de marcos de ouro). Ó final non puido pagar polos seus medios e tivo que depender de préstamos: no ano 1883 as súas débedas ascendían a 7 millóns de marcos de ouro e en 1885 viuse ameazado por un posible embargo. Tales débedas motivaron que o 9-6-1886 o goberno bávaro incapacitase o rei. Precisamente atopábase neste seu castelo, e veu desde Múnic unha comitiva para derrocalo, pero el pechou as portas da barbacá. Volveu outra comitiva o 11 de xuño e o rei viuse forzado a abandonar o edificio definitivamente.

DSC07695

Vista do pequeno lago Schwan e da vila de Ailpenrosenberg

Á morte do rei (no lago de Atarnberg), o 13-6-1886, o castelo aínda non estaba rematado. Luís II nunca tivera intención de abrilo ó público, pero esa foi a solución para saldar as súas enormes débedas. Ás seis semanas xa se encheu de visitantes. As débedas estaban saldadas na súa totalidade en 1899.

En 1923 o castelo pasou a propiedade do Estado libre de Baviera. Durante a II Guerra Mundial un grupo do partido nazi utilizouno para almacenar obras de arte roubadas en Francia (en 1944 quitáronse de alí, pero ó final da guerra localizáronse 39 álbumes que serviron de proba contra os acusados no xuízo de Núrenberg). En 1945 as tropas das SS intentaran destruílo para impedir que as obras de arte pasasen a poder dos aliados. Non se consumou a orde e entregouse o castelo ás tropas estadounidenses. Neuschwantein sobreviviu á IIGM sen danos.

Tras a IIGM foi utilizado para almacenar documentos, pois no Múnic bombardeado non había onde. No 2002 caeu nos seus arredores un meteorito (Meteorito de Neuschwanstein). No 2007 foi finalista na elección das sete marabillas do mundo moderno; quedou en oitavo lugar. No 2008 o goberno de Baviera solicitou que o castelo –xunto cos pazos de Linderhof e de Herrenchiemsee– fose declarado Patrimonio da Humanidade (conxunto denominado Castelos de Luís II).

O edificio

Componse de varias edificacións individuais cuns 150 m de lonxitude total, construído nun penedo do desfiladeiro de Pöllat. Conta con numerosas torres. As ventás son de estilo neorrománico. Foi deseñado como un ideal romántico para un cabaleiro medieval, pero carece de instalación defensivas.

A entrada é por unha barbacá simétrica flanqueada por torres laterais. Orientado cara ó oeste, é o único castelo cos muros decorados con cores contrastantes; os muros externos están enmarcados en ladrillo vermello, mentres que a fachada interna do patio de armas é de pedra calcaria amarela. A cornixa é ameada (merlóns e ameas). No lintel da porta, o escudo do reino de Baviera.

A edificación máis rechamante do patio de armas é a chamada ‘torre cadrada’, de 45 m de altura. Desde ela hai excelentes vistas. O lado norte do patio de armas está delimitado pola ‘Casa dos cabaleiros’ (Ritterhaus), o lugar onde hipoteticamente se reunían os cabaleiros, hoxe dedicado a oficinas. Este edificio de tres plantas evoca o castelo de Anveres da ópera Lohengrin de Wagner. No lado oposto (sur) sitúase o ‘Cuarto das Damas’.

O lado leste do patio superior está delimitado polo Palacio, o edificio principal e residencial do castelo: cinco plantas en forma de ortoedros conectados nun ángulo plano e cuberto cun teito alto a dúas augas. A forma do edificio segue a forma da crista rochosa; nos seus ángulos hai dúas torres-escaleiras, das cales a norte alcanza os 65 m de altura e excede o teito do edificio.

O castelo é unha obra típica da arquitectura ecléctica do séc. XIX, no que se mesturan formas do estilo románico (os arcos de medio punto, as figuras xeométricas dos ortoedros), do gótico (liñas ascensionais, torres esveltas, filigrana decorativa) e do bizantino (a Sala do trono), completada cos avances técnicos da época (hai cousas que apuntan ó modernismo de finais do XIX).

Salón do trono do castelo

Salón do trono do castelo

Salón do trono (parte posterior)

Salón do trono (parte posterior)

 

O interior.- O castelo tiña uns 200 cuartos interiores. Nos pisos superiores estaban os cuartos do rei. O edificio dianteiro contén no seu terceiro nivel os cuartos residenciais e nun nivel máis arriba está a ‘Sala dos cantores’ (Sängersaal). O nivel superior do edificio traseiro está ocupado pola ‘Sala do trono’ (Thronsaal). En total a superficie dispoñible en ambos edificios chega ós 6 mil m2.

Varios dos cuartos interiores son exemplos da arquitectura historicista alemá, e o castelo estaba equipado cos últimos avances tecnolóxicos do séc. XIX (calefacción central, auga corrente, inodoros con descarga automática etc.).

A estancia máis grande é e ‘Sala dos cantores’ (26 x 10 m). Está situada no cuarto nivel da parte oriental do Palacio, sobre a recámara do rei. Estaba inspirada noutras salas do castelo de Wartburg e era o proxecto favorito do rei. Está adornada con pinturas de escenas da ópera Lohengrin e a lenda de Perceval (ou Parsifal), un dos cabaleiros artúricos que marchara na procura do Santo Graal. Lohengrin era fillo de Perceval. Era unha homenaxe á cultura cabaleiresca e ó amor cortés medieval. Con motivo do 50ª aniversario da morte de Wagner fíxose nesta sala a 1ª representación en 1933.

A ‘Sala do trono’ (20 x 12 m) está situada na parte occidental do pazo. Ten unha altura de 13 m e ocupa o terceiro e o cuarto nivel do edificio. Está inspirada na igrexa de Todos os Santos da Residencia de Múnic. A sala está decorada polos lados con arcadas e remata nunha ábsida onde debía estar o trono de Luís II. Sobre o estrado do trono hai murais de W. Hauschild dos doce apóstolos e dos reis canonizados: Casimiro de Polonia, Estevo de Hungría, Henrique II de Alemaña, Luís IX de Francia, Fernando III de Castela (algún libro-guía di que é ‘Fernando o Católico de España’, posiblemente confundíndoo con Fernando de Aragón, o marido de Isabel de Castela) e Eduardo o Confesor de Inglaterra. Tamén raíñas santas: Clotilde de Francia, Santa Sabela… A lámpada de araña ten forma dunha coroa bizantina. A sala combina os desexos do rei, a ‘Sala do Graal’ de Perceval cun símbolo do dereito divino dos reis (un canto á monarquía absoluta, cando Luís II era daquela un rei cun poder limitado por unha constitución).

A competición dos xograres e trobeiros

A competición dos xograres e trobeiros

As pinturas sobre lendas medievais repítense por todas as salas: no comedor; no dormitorio do rei reprodúcese a lenda córnica de Tristán e Isolda; no camerino contigo, pinturas da vida do xograr Walther von Vogelweide (1170-1230); na sala de estar –deseñada por Julius Hofmann-, novas escenas da ópera Lohengrin (aquí atópase ‘o cornecho da cisne’, que é o animal emblemático deste castelo; no estudio do rei, outros motivas doutra ópera wagneriana: a saga do cabaleiro Tannhaeuser (“que disque vivira un ano con Venus, nunha gruta”) e unha competición de xograres e trobeiros.

Nin que dicir ten que este castelo foi escolleito por Walt Disney como modelo do castelo da Bela adormecida.

Wo ist das klein Hund von mir? ("U-lo meu canciño?"), estaría dicindo a loura Fräulein do descapotable

Wo ist das klein Hund von mir? (“U-lo meu canciño?”), estaría dicindo a loura Fräulein do descapotable

Saída cara a Múnic.- Saímos a media tarde para Múnic. Cando iamos pola autoestrada vimos que dous ou tres coches se detiveron repentinamente. ¿A causa? Unha loura Fräulein á que lle escapara o seu cadeliño do seu coche descapotable; aparcou daquela maneira na beira da autoestrada e foi detrás do caniche, pero este fuxiulle polo valo de arame. Non sabemos como rematou a tenra aventura.

O grupo folclórico bávaro na Hofbräuhaus mallando coas trallas

O grupo folclórico bávaro na Hofbräuhaus mallando coas trallas

Xa en Múnic, tras deixar a equipaxe no hotel, fomos en metro ó centro da cidade e fomos cear ó xigantesco restaurante da Hofbräuhaus, a fábrica de cervexa máis famosa de Múnic. Salas inmensas en varios pisos. Amenizaban as ceas dos seareiros un grupo musical folclórico masculino bávaro, cos seus traxes tradicionais e música e bailes do seu land, algúns deles acompañados de ruidosas trallas que facían soar no aire e abouxaban os oídos. Foi unha das dúas veces que nos deron salchichas para cear.

Os viaxeiros degustando as cervexas, esperando ansiosos a chegada das salchichas

Os viaxeiros degustando as cervexas, esperando ansiosos a chegada das salchichas

 

Admin