• info@semescom.gal

Collazo, Xosé. Escritor.

Xosé Collazo.

Xosé Collazo. [Foto: Unión de Teo y Vedra]

Xosé Ladislao Collazo Martínez (Baio, 1880 – Buenos Aires, 1962) emigrou en 1913 á Arxentina, e alí comezou a publicar unha serie de poemas nas revistas da colectividade, chegando a xuntar un número considerable deles, que non tiveron a sorte aínda de ser recompilados nun libro. Á parte do seu labor como escritor, e como canteiro –o seu verdadeiro oficio-, Pepe desempeñará un importante labor social e cultural a través da A. B. C. del Partido de Corcubión, da que foi directivo entre os anos 1926 e 1944. Como tal foi partícipe da construción de catro escolas no partido xudicial corcubionés, e ante a imposibilidade de que se fixese a proxectada escola en Baio –por causa da guerra civil-, decidiu que o “Comité de Homenaxe a Agra Regueiro”, que formara para erixirlle unha estatua a este mestre, se orientase á creación dunha escola, feito que conseguiu ver realizado en 1954.

Os poemas de Collazo foron publicados nas revistas porteñas Alborada e Unión de Teo y Vedra, e son na súa maioría evocadores da súa terra natal, pero tamén agochan dentro unha boa dose de crítica social (contra o caciquismo, o problema agrario, o escolar…). É unha poesía popular, pero que tamén bebeu dos clásicos das nosas letras (sobre todo do seu veciño e admirado Labarta Pose). Proximamente sairá á luz unha recompilación da súa obra poética.

Obra individual:

–     Xosé Collazo. Obra poética  (Vigo: Xerais, no prelo).

Obra colectiva:

–     Namorados da Costa da Morte  (Cee: Concello / Asociación Neria, 2001).

Tomado de X.Mª Rei Lema.- Dicionario de escritores e escritoras da Costa da Morte.