• info@semescom.gal

Abente, Victorino. Escritor.

Victorino Abente Lago (Muxía, 1846 – Asunción-Paraguai, 1935) é licenciado en Medicina pola universidade compostelá. En 1869 decide emigrar ao Paraguai, país no que exercerá como médico e tamén como poeta. A súa chegada a Asunción coincide co momento máis crítico da historia paraguaia: a guerra da Triple Alianza (1865-1870), contra Arxentina, Brasil e Uruguai, que exterminou máis de dous terzos da súa poboación.

Victorino colaborará en varios xornais paraguaios, sobre todo en El Pueblo, no que tiña unha sección titulada “Mesa revuelta”. Será na prensa onde comece a publicar os seus poemas dedicados ao renacer da nova patria, o que o converterá axiña no “poeta da resurrección nacional”. Xa que logo, Victorino foi considerado un dos poetas máis importantes da literatura paraguaia, e como tal é das principais figuras do romanticismo nacional (e aínda do posromanticismo).

A súa poesía, espallada en xornais e revistas, foi recompilada polo seu neto Cándido Samaniego Abente en 1984. Á parte dos poemas en castelán, figura entre a súa produción unha manchea de textos en galego, dedicados nomeadamente á súa Muxía natal, algúns dos cales xa viran a luz na Literatura Gallega de Eugenio Carré Aldao.

 

 Obra individual:

 

–     Antología Poética 1867-1926  (Asunción: Editora Litocolor, 1984).

 

 Obra colectiva:

 

–     Namorados da Costa da Morte  (Cee: Concello / Asociación Neria, 2001).

–     De Pondal ao Batallón Literario  (120 anos de poesía na Costa da Morte)  (Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 2009).

 

Tomado de X.Mª Rei Lema.- Dicionario de escritores e escritoras da Costa da Morte.