• info@semescom.gal

O conxunto etnográfico dos batáns e muiños do Mosquetín na Terra de Soneira

O conxunto etnográfico dos batáns e muiños do Mosquetín na Terra de Soneira (2007)

Ficha técnica

Título: O conxunto etnográfico dos batáns e muiños do Mosquetín na Terra de Soneira

Autores: Xosé María Lema Suárez, Roberto Mouzo Lavandeira

Edita: Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Vimianzo, 2008)

48 páxinas

 

Esta obra non só é o estudo concreto deste coñecido conxunto etnográfico do Mosquetín, situado nun lugar de “luxuriante paisaxe” –no dicir do etnógrafo Manuel Caamaño Suárez- no río Grande ou río do Porto, entre as vilas soneirás de Baio e Vimianzo, senón doutros batáns galegos, sen faltaren outros de Asturias, Cantabria, castelánleoneses das provincias de Ávila, Salamanca, León e Zamora, e de Portugal.

Faise historia dos labores de abatanamento (ou apisoamento) desde a época romana, para centrarse un pouco máis na Idade Media, época probable da invención deste tipo de enxeños. Mesmo se recrean unhas interesantes referencias literarias ós batáns contidas en obras tan distantes coma o Quixote de Cervantes (1605) e Os piares da Terra (1989) do británico Ken Follett. Chama a atención comprobar que na primeira das obras onovelista lle dedicase un capítulo enteiro e parte doutro á aventura dos batáns (o XX e o principio do XXI: en total unhas 16 páxinas completas) mentres que ó episodio dos muíños de vento, que tan popular se fixo, nin sequera encheu dúas páxinas (do capítulo VIII) na súa totalidade.

O libro conta con múltiples ilustracións, especialmente planos, esquemas e debuxos, e remata cun caderno de 30 páxinas con 82 fotografías a toda cor, actuais e antigas, algunhas delas tomadas das sucesivas reconstrucións que tivo o conxunto.

Descarga esta obra en formato PDF, premendo aquí.

Se queres adquirir esta obra contacta con nós en info@semescom.gal

Preme aquí para descargar o resumo en formato PDF